10 feb 2010

Código Cero. Artículo sobre Xandre


Xandre: un conto en liña galego, adaptable e accesible

luns 8 de febreiro do 2010, por Fernando Sarasqueta














A Rede non sempre é unha Rede. Ás veces, cando se impón sobre calquera outra cousa o
peso do estritamente dirixido á maioría, aparéceselle ás minorías coma o seu contrario:
unha estrada sen acceso nin saída. Isto non é aplicable á web galega da que imos falar de
contado, unha páxina posta en marcha polo grupo TADEGA e que se sitúa a medio camiño
entre un conto virtual e un foro de experiencias arredor dese conto e da accesibilidade
dixital mesma. Falamos da proposta Contos de Xandre, un sitio en liña que baixo o
epígrafe Xandre, o elefante sen sombra diríxese a pór de manifesto entre a comunidade
internauta a seguinte realidade: non todos os seus usuarios están na mesma disposición
para facer uso igualitario dos seus servizos, propostas e equipamentos. Porén, e para
que se entenda, os Contos de Xandre si que o está, de aí que todo o que aparece nela,
o conto en si mesmo, sexa cen por cen adaptado e accesible para nenas e nenos con
diversidade funcional. De feito, dispón de braille, lingua de sinais, pictogramas, audios,
vídeos e outras canles e formatos.
A web, que como dixemos inclúe o miolo dun relato (o do elefante Xandre) e unha relación
ben completa das experiencias e das reaccións xurdidas ao seu abeiro, tamén achega
recursos didácticos e pedagóxicos desenvolvidos nos fogares e nas escolas a través
do seu emprego. Segundo nos conta o equipo de TADEGA, responsable da páxina web,
trátase
dun conto aberto a diferentes variacións segundo as características do usuario, o que
significa que está feito de maneira que poida ser usado por calquera persoa con
independencia das capacidades ou discapacidades que lle afecten. A proposta xira arredor
de Xandre, un elefante que non dispón de sombra por ter nacido distinto (conta con trompa
na cabeza e non a cariña como os demais) pero que goza da sorte de ter unha nai que mira
por el e que procura por todas partes (até na Web) unha solución para o seu fillo, non a
restitución da trompa, senón da sombra que debería ter como todos os demais seres vivos.
Hai un paralelismo vivo entre esta historia e milleiros de historias de persoas con
diversidade funcional, das súas familias e das súa comunidades educativas
”, coméntanos
Xoán Fernández, da asociación responsable deste desenvolvemento.
Por certo que está previsto que o conto, que polo de agora só pode ser visitado virtualmente
(a través do computador), dispoña en breve dun emprazamento non dixital, en papel. Así
nolo contan os seus responsables: “Andamos á procura dunha editorial que se entusiasme
co proxecto e queira convertelo en libro, reto nada doado polas esixencias da accesibilidade,
pois tería que ir en braille ademais de en tinta, e posiblemente algo máis”.
A idea, con este
novo reto, é conseguir que a mensaxe de redes no discriminatorias cale o máis fondo posible,
preparando a porta de entrada ás mesmas e espallando a mensaxe en todo o que foi
previo á creación das mesmas.
Enlaces
Artículo en Código Cero sobre Xandre
Artículo sobre las Jornadas de Tadega
Artículo sobre el Plan ABALAR y TADEGA
Acceso a la página de Xandre


No hay comentarios: